O relato histórico no mito: Enrique Líster e a batalla das palabras
Este artigo pretende explorar as conexións existentes entre o relato da experiencia de guerra, a memoria do protagonista dos feitos bélicos narrados e o plano cultural das emocións proxectadas nos textos e noutros documentos autobiográficos (medo, compaixón, orgullo...) legados por Enrique Líster Forján, xefe militar e dirixente comunista galego. A metodoloxía escollida para este traballo permite un achegamento dende a historia cultural aos diversos contextos da escritura e aos elementos máis importantes da interpretación trazada sobre conceptos como camaradería e masculinidade por un militante comunista comprometido na construción dun mundo novo, no bloqueo do avance fascista sobre España e Europa e, máis tarde, no derrocamento da ditadura franquista. Unha loita continua levada a cabo ata o final por medio da palabra e da transformación da derrota sufrida fronte a Franco e os seus aliados nazi-fascistas nun relato mobilizador que manexa a épica de forma selectiva e como estratexia para outorgarlle ao suxeito principal do seu discurso, o pobo, un papel privilexiado na rexeneración do seu destino histórico.